Luz. Reflexión 4ª sesión

Nesta sesión con Luz traballouse a produción escrita, é dicir, o writing, ese gran temido, aburrido e descoñecido do que todo o alumnado escapa todo o que pode. Isto probablemente se deba a que os docentes caen na desidia de propoñer sempre as mesmas actividades, sen darlle un toque motivador e diferente para a realización e práctica deste aspecto que é a escrita que, aínda que hoxe en día esteamos tratando de darlle máis importancia á comunicación oral debido a que sempre quedou nun segundo plano, non debemos esquecer que ter unha boa e correcta expresión escrita é moi importante tanto na lingua estranxeira coma na lingua propia. 

Por este motivo, e a colación da imaxe que acompaña ao post de hoxe, os docentes temos que intentar propoñer actividades que o alumnado considere de interese e esperte tanto a súa curiosidade como motivación para explotar sen que se dean de conta este aspecto da lingua estranxeira. Debido a isto podemos mencionar a incrible importancia que ten a formación continua en calquera carreira profesional, pero aínda máis no noso ámbito da educación. Non quedarnos atrás ou desfasados en canto á proposta de actividades ou mesmo con respecto aos temas que lles interesan no día a día ao noso alumnado é un aspecto imprescindible para levar con éxito a nosa profesión e acadar, deste xeito, bos resultados académicos na nosa aula. 


Ademais, como nos dixo Luz, tamén é moi importante ter en conta que nós como docentes de lingua estranxeira temos moita liberdade de elección en canto a temáticas se trata, polo que podemos explotar este aspecto tanto como queiramos. É dicir, nun writing que é o caso que nos concirne hoxe, podemos falar temáticas que van desde o respecto, a multiculturalidade, o acoso escolar ou a igualdade de xénero ata o cine, a literatura, a gastronomía ou incluso climatoloxía, por poñer un exemplo máis alonxado do común. 

Por último, como algunha compañeira mencionou na súa entrada deste tema, a actividade que lle propoñamos ao alumnado, xa sexa de tipo writing, listening, speaking ou reading, ten que ter un propósito claro. Se todas as actividades que elaboramos teñen o obxectivo claramente especificado, o nivel de éxito final será moito maior, porque o alumno verá que o que está facendo ten unha finalidade e, no mesmo momento, está aprendendo. 

Comentarios

Entradas populares