1. O Marco Común Europeo de Referencia para as linguas
Para comezar, o MCERL é o Marco Común Europeo de
Referencia para as linguas, que é o estándar internacional que define a
competencia lingüística. É moi importante xa que, grazas a el, emprégase un
xeito unificado de definir as destrezas lingüísticas do alumnado. En primeiro
lugar, un dos puntos fundamentais do MCERL é o contexto político e educativo,
xa que é imprescindible telo en conta para o establecemento e desenvolvemento
dos obxectivos que se queren cumprir, entre moitos, por exemplo, a intención de
cooperación entre as institucións educativas, o mutuo recoñecemento de
certificados de linguas e a axuda de situación e coordinación dos esforzos de
tódolos actores que participan na totalidade da acción educativa. En segundo
lugar, está o enfoque orientado á acción, que afirma que é posible afastarse
das mecánicas tradicionais para a adquisición dunha lingua estranxeira. Este
punto será desenvolvido máis profunda e amplamente no parágrafo exposto a
continuación. Para seguir, temos os niveis comúns de referencia, que establecen
os descritores que axudan a encadrar os diferentes niveis de adquisición dunha
lingua en concreto. De seguido, está o emprego da lingua e a persoa usuaria ou
alumna, que fai referencia ao contexto situacional onde a persoa aprendiz terá
que verse inmersa lingüisticamente e aplicará os coñecementos adquiridos
previamente. Así mesmo, tamén destacan a aprendizaxe e a ensinanza da lingua,
as tarefas e o seu papel na ensinanza da lingua, a diversificación lingüística
e o currículo e, por último pero non por iso menos importante, a avaliación. De
todos estes últimos puntos, o máis destacable é o que fai referencia a ter en
conta a cada alumno como individual e concibindo o ensino como flexible e
adaptable a cada situación.
O aspecto
que persoalmente considero máis importante é o que fai referencia ao enfoque
orientado á acción. A comunicación e a aprendizaxe supoñen a realización de
tarefas que non son solo de carácter lingüístico aínda que sexa necesario o
desenvolvemento da competencia comunicativa do individuo. O peso da tarefa
recae totalmente na acción. Con esta metodoloxía, pásase da aplicación de
actividades nas que imaxinan a situación a realizala nun contexto real e
específico e baixo unhas condicións concretas.
Un dos
elementos positivos deste aspecto é que permite levar a cabo infinidade de
tarefas sen recorrer a unha actividade propiamente de lingua, como pode ser a
coñecida actividade de encher ocos sen un contexto necesario para o correcto
afianzamento do coñecemento que pretendemos que a persoa alumna adquira. Ademais,
a aplicación deste tipo de tarefas pode axudar, non só a mellorar as
competencias conceptuais e lingüísticas do alumnado, senón que tamén mellorarán
as súas competencias sociais e cívicas debido ao seu carácter de integración na
sociedade.
Na actualidade, este xeito
de traballar recoñécese coa denominación de «traballo por proxectos». É desta
mesma maneira como se podería aplicar nunha clase de lingua estranxeira dentro
da etapa educativa de Educación Secundaria Obrigatoria. Este tipo de traballo
por proxectos é aplicable a infinidade de situacións cotiás na que o alumnado
pode desenvolver a totalidade das súas capacidades e mellorar cun nivel máis
alto de éxito as súas competencias lingüísticas. Por exemplo, nunha aula de
Educación Secundaria Obrigatoria pódese propoñer o proxecto de que eles mesmos
preparen unha visita guiada en inglés dunha nova exposición que chegue a
cidade. Deste xeito, implicaremos ao alumnado activamente en actividades
culturais do entorno social onde viven e, a maiores, poderán adquirir novos
coñecementos relacionados ca exposición propiamente dita. Así, perderán o medo
a comunicarse e falar na lingua estranxeira que, por norma xeral, é o que máis
difícil lles resulta, e poderán, do mesmo xeito, aplicar tanto a gramática coma
o vocabulario adquirido na aula. Compleméntanse así ambos métodos de ensino: a
teoría e a práctica, aproveitando cada momento e situación para espremer ao
máximo o potencial e diversidade do noso alumnado.
Como conclusión, pódese
afirmar que o MCERL é un elemento básico a ter en conta á hora de impartir e
ensinar unha lingua estranxeira, xa que non só axuda ao docente a seguir unhas
pautas e instrucións para aplicar para con o seu alumnado, senón para o propio
alumnado (sexa cativo, adolescente ou adulto) para que sexa consciente do seu nivel real de competencia lingüística nas
diferentes destrezas que se dividen nunha lingua (expresión oral, expresión
escrita, comprensión oral e expresión escrita). E, por outra banda, en relación
co traballo por proxectos no ensino de linguas estranxeiras, podemos concluír
que para nós como futuros docentes, axudaranos a desenvolver no alumnado un dos
elementos máis básicos e elementais do ensino: a motivación.
- Cambridge Assessment English. Explicación de los estándares lingüísticos internacionales. [consultado o 2 de decembro 2017]. Recuperado de: http://www.cambridgeenglish.org/es/exams-and-tests/cefr/
- Comisión Europea. (2002). Marco común de referencias para las lenguas: aprendizaje, enseñanza, evaluación. Centro Virtual Cervantes. [consultado o 2 de decembro 2017]. Recuperado de: http://cvc.cervantes.es/ensenanza/biblioteca_ele/marco/cvc_mer.pdf
- Council of Europe. Common European Framework of Reference for Languages (CEFR). [consultado o 2 de decembro 2017]. Recuperado de: https://www.coe.int/en/web/common-european-framework-reference-languages/
Comentarios
Publicar un comentario