Actividade virtual: Metodoloxías pedagóxico-didácticas no ensino de linguas estranxeiras

Na nosa formación para acadar ser futuros docentes de proveito é imprescindible coñecer o abano de posibilidades que temos na nosa man. Existen moitas metodoloxías pedagóxico-didácticas posibles e aplicables ao ensino de linguas estranxeiras. Entre elas, podemos destacar as seguintes:
·         Gramática e tradución.
·         Directo e natural.
·         Oral e situacional.
·         Por tarefas.
·         Audiolingüe.
·         Comunicativo.
·         Resposta física total.
·         Do silencio.
·         Suxestopedia.
·         Método comunicativo mellorado.
·         Por proxectos.

As metodoloxías que vou escoller para a elaboración de dúas tarefas relacionadas ca Unidade Didáctica Integrada que elaboramos na materia de «Deseño curricular e organización de centros educativos» serán o método silencioso e o método audiolingüe. Para comprender mellor as tarefas que se describirán a continuación para poder aplicalas ás metodoloxías escolleitas, exporase unha breve e introdutoria aclaración sobre a temática da Unidade Didáctica Integrada. Esta propón que o alumnado de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria organice unha saída ao Vigozoo: deste xeito, eles mesmos exporán en inglés ao resto dos seus compañeiros a información relativa ás diferentes especies que alí viven, mellorando así as súas destrezas na primeira lingua estranxeira e, ademais, ten o obxectivo último de realizar un debate, tamén en lingua inglesa, para que valoren e configuren a súa opinión sobre a vida dos animais salvaxes en catividade nos zoolóxicos.



Para iso, deberán levar a cabo e desenvolver varias tarefas pero, entre elas, dúas das que de seguido aplicaremos a cada un dos métodos escollidos. A primeira delas, consiste en que teñen que buscar e seleccionar información para elaborar as fichas de cada especie animal do zoolóxico e, a continuación, estruturar e traducir esta información en caso de que non a atoparan na lingua estranxeira nun primeiro momento. E, en segundo lugar, deberán practicar o guión en inglés para explicalo aos seus compañeiros o día no que se efectúe a saída cultural ao Vigozoo. A primeira das actividades aplicarase co método silencioso mentres que a segunda, co método audiolingüe. 

É necesario comezar coa explicación do método silencioso para entender á perfección a aplicación desta tarefa dentro do proxecto do Vigozoo. É un método desenvolvido por C. Gattegno en 1972 que consiste en guiar o proceso de aprendizaxe en vez de dominalo e desenvolve o estudo do xeito que os bebés e os cativos aprenden. Baséase nun enfoque e psicoloxía cognitiva e sempre desenvolve regras inducidas, entendendo a aprendizaxe como unha actividade á resolución de problemas, á creatividade e ao descubrimento. O rol do docente é ser o técnico e enxeñeiro facilitador da aprendizaxe, limítase a manterse en silencio o máximo posible e axuda ao alumnado a autoguiarse, a ser os propios protagonistas da súa aprendizaxe, é dicir, é imprescindible neste caso o concepto de aprender a aprender. O alumnado ten un rol moi activo e é primordial a interacción entre os propios compañeiros para que traballen de xeito cooperativo. Seguindo este modelo metodolóxico, tamén se pode destacar que se traballan todas as habilidades lingüísticas (reading, writing, speaking e listening) pero préstaselle especial atención ao estudo do vocabulario. No relativo ao programa, desenvólvese segundo as necesidades do alumnado, e a lingua nativa soamente se emprega para dar instrucións, durante o proceso de retroalimentación ou nos primeiros niveis do programa. Por último, tamén pode mencionarse que neste método empréganse diferentes materiais que axudan á súa aplicación, como poden ser os cadros de Fidel para traballar a pronunciación, as regretas de cores de Cuisenaire para asociar palabras e estruturas cos seus significados na lingua meta e cadros de vocabulario.


Polo tanto, considérase que empregar e aplicar o método silencioso ás actividades anteriormente mencionadas, que consistían na busca, estruturación e tradución da información necesaria para desenvolver as fichas das especies animais é o máis adecuado. Deste xeito, o alumnado será capaz de autoguiarse, de experimentar, de analizar e de tomar decisións por el mesmo e pode botar man da axuda dos seus compañeiros e, no último caso, do docente, que o guiará cando sexa necesario.

En segundo lugar, temos o método audiolingüe, desenvolvido por N. Brooks en 1964 que consiste na concreción didáctica da lingüística estrutural e o análise contrastivo en canto á concepción da lingua, e do condutismo, en canto a teoría da aprendizaxe. Como vemos con respecto a este enfoque, é totalmente o contrario comparándoo co método silencioso, que como se viu, baseábase nunha psicoloxía cognitiva. O profesor conforma o papel activo e non o alumnado (que apenas interactúa), xa que proporciona estímulos e é quen controla e reconduce a evolución da aprendizaxe. Neste caso, pódese afirmar que traballan as catro destrezas pero sempre o speaking e o listening preceden ao writing e ao reading, insistindo sobre todo na pronunciación e na entoación. Os obxectivos finais que ten son que o alumnado se exprese sen erros e que fale de modo automático, sen recorrer á tradución desde a lingua materna. A principal técnica que se emprega neste método é a memorización e a repetición continua, ademais de exercicios de encher ocos e de transformación entre outros exercicios estruturais.


Polo tanto, débese ter en conta que esta metodoloxía pedagóxico-didáctica baséase no condutismo, no estímulo-resposta, nos hábitos e na repetición, e que segue o modelo de que o docente fala e o alumnado repite unha e outra vez estruturas, imitando ao exemplo. Apréndese a segunda lingua coma se fora a lingua materna: primeiro trabállase a escoita, despois a produción da linguaxe, máis tarde apréndese a ler e, por último, a escribir. Esta metodoloxía é totalmente aplicable á segunda actividade proposta do proxecto do Vigozoo que consiste na práctica en común do guión que se exporá en inglés o día da saída cultural. Deste xeito, o docente pode ir producindo en alto o guión e que o alumnado repita coa correcta pronunciación e entoación os mesmos enunciados.

Como se viu na introdución, contamos con infinidade de opcións metodolóxicas que aplicar na nosa aula de ensino de linguas estranxeiras, cada unha baseada nun enfoque psicolóxico diferente e con diversos obxectivos pedagóxicos. No que respecta especificamente aos que se trataron nesta entrada, tanto o método silencioso coma o método audiolingüe son válidos á hora de aplicalos a actividades, aínda que, persoalmente, penso que funciona mellor un método de base psicolóxica cognitiva. É primordial que o alumnado teña un rol activo na aula e que se sinta protagonista da súa propia aprendizaxe. Deste xeito, axudarémolos a autoguiarse, a ser críticos co seu proceso e, polo tanto, aumentaremos o factor motivación que tan importante é para que o resultado final sexa de éxito.


Comentarios

  1. Ola, Vera:
    Quero felicitarte pola túa entrada sobre as metodoloxías que se poden empregar no ensino de linguas estranxeiras.
    Persoalmente, non coñecía o método silencioso, e paréceme moi intersante saber que podemos fomentar a competencia de aprender a aprender se o empregamos correctamente.
    De que outros xeitos a empregarías ti nas aulas?

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Ola, Laura! Moitísimas grazas por adicar uns minutos do teu tempo en ler o meu post.

      A verdade é que contamos con infinidade de opcións de metodoloxías para aplicar na nosa aula e o método silencioso é un deles. Como explico na entrada, é un método que, aínda que si que pode estar máis enfocado cara o estudo da pronunciación cos cadros de Fidel ou cara o estudo de vocabulario, pódese aplicar a tódalas habilidades lingüísticas, é dicir, poderíamos aplicalo ao traballo tanto de reading, writing, speaking e listening.

      Un saúdo!

      Eliminar

Publicar un comentario

Entradas populares