6. Dosier. Metodoloxía CLIL/AICLE

A nova unidade 6 que tratamos na aula versa sobre a metodoloxía CLIL/AICLE, que correspóndese con Content and Language Integrated Learning ou Aprendizaxe Integrada de Contidos e Lingua Estranxeira. Esta metodoloxía consiste en impartir outras materias do currículo na lingua estranxeira, fusionando así a aprendizaxe dos contidos propiamente desa materia e o ensino e práctica da lingua estranxeira. Deste xeito, esta metodoloxía resulta moi beneficiosa para o alumnado xa que aplican a resolución de problemas e o «saber facer».

Para iniciar esta unidade, comezamos cun debate piramidal, que xa explicamos anteriormente en que se baseaba esta actividade. Neste caso o debate piramidal consistía en debater sobre que son as seccións bilingües e as seccións plurilingües. Como resultado final deste debate, chegamos á conclusión de que unha sección bilingüe trátase dun docente que imparte un mínimo do 50 % das materias de lingua estranxeira, pero é un docente illado. Mentres que, por outro lado, unha sección plurilingüe consiste nun centro que decide que unha ou varias materias se impartan ao 100 % na lingua estranxeira e a materia vai estar integrada pola metodoloxía CLIL. Neste último caso, o profesor de lingua estranxeira tense que coordinar co profesor da materia. Previamente á realización desta actividade e saber especificamente que eran tanto a sección bilingüe como plurilingüe, nós non tiñamos moi claro estes conceptos e gracias ao debate piramidal e á explicación do profesor, non tivemos dúbida con respecto a esta temática.

A continuación, para seguir ca clase, limos o documento de FaiTIC sobre o plan EDUlingüe (pp. 20-23). Despois de lelo detidamente, debatemos o contido deste documento en parellas, para compartir a nosa opinión ao respecto, establecendo aqueles puntos que nos parecen relevantes e interesantes e aqueles que non contemplariamos como aplicables, é dicir, os puntos positivos e negativos.


Todas estas opinións puxémolas despois en común con toda a clase, mentres o docente apuntaba nun Google Docs proxectado no taboleiro as ideas máis salientables para comentalas. Aqueles puntos que comentamos foron en primeiro lugar, o carácter utópico de tódalas medidas que se queren levar a cabo, tanto polo pouco tempo de actuación como polo orzamento. Ademais, tamén é importante mencionar a dificultade de acadar os niveles de lingua desexados, tanto pola formación dos docentes para impartir as materias como polo alumnado á súa recente saída do sistema educativo. Como máis aspectos ambiciosos, temos o de engadir o chinés e o ruso ás aulas, acadar a excelencia da lingua no bacharelato, duplicar os auxiliares de conversa e a non existencia dunha avaliación continua.

Como puntos positivos, mencionamos tanto os programas de inmersión lingüística no estranxeiro (aínda que analizándoo tamén teñen a súa parte negativa debido a que existen familiar que teñen un nivel económico medio que non entrarían como candidatas para conseguir esta bolsa pero tampouco se poden permitir o gasto de mandar aos seus fillos ao estranxeiro para esta práctica da lingua) como a implicación das familias.

Despois de debater todos estes aspectos, valoramos que algunhas das posibles solucións para a correcta aplicación deste plan sería aumentar primeiro o número total de horas de lingua estranxeira e que sexa un plan progresivo: non é efectivo aplicar este plan como se de parches se tratase. Por último, tamén comentamos que podería tratarse dun xeito de propaganda para os pais e familias: facerlles pensar que os seus fillos sairán completamente plurilingües cando, probablemente, os resultados non sexan así de satisfactorios.

Para seguir a clase e afianzar os conceptos traballados relativos a esta temática sobre a metodoloxía CLIL, a nosa compañeira Lorena expuxo o seu traballo que estaba relacionado con este tema: o proxecto AICLE. Ademais, tamén mencionou a eTwinning, que ofrece unha plataforma aos equipos educativos dos centros escolares dalgún dos países europeos participantes, para comunicarse, colaborar, desenvolver proxectos ou o que é o mesmo, sentirse e formar parte da comunidade educativa máis atractiva de Europa. Con esta presentación tamén se trataron os principios metodolóxicos da metodoloxía CLIL, o uso significativo da lingua ou o concepto imprescindible de andamiaxe.

E, por último, tratamos o concepto de Proxecto Lingüístico de Centro (PLC), que se trata do documento que recolle as decisións adoptadas polo centro para a educación lingüística do alumnado ca finalidade de desenvolver as capacidades comunicativas do alumnado tanto na súa vertente oral como escrita, con énfase na importancia do uso da linguaxe para adquirir coñecementos en tódalas materias. Para comezar con esta temática, tamén fixemos un debate piramidal para comprobar as posibles conexións entre as linguas propias e as linguas estranxeiras na nosa etapa educativa. O resultado foi claro: non existe conexión ningunha. Para continuar, Gonzalo fixo unha breve introdución do tema dándolle paso á presentación da nosa compañeira Olalla, que explicou máis detalladamente o concepto de Proxecto Lingüístico de Centro. 

Como conclusión, foi unha clase e un tema que considero moi útil e aplicable para o noso futuro labor como docentes, xa que non tiña coñecementos e contidos claros sobre esta metodoloxía. Aínda máis, cando cada día está máis de moda a aplicación desta metodoloxía nos centros educativos de España e é básico e imprescindible que nos manteñamos totalmente actualizados das novas teorías e prácticas relacionadas co ensino. 

Comentarios

Entradas populares