5. Dosier: As programacións didácticas vixentes
Comeza unha nova semana e, con ela, unha nova unidade.
Esta vez a 5, que versa sobre as programacións didácticas vixentes. Esta
temática preocúpanos amplamente xa que configurará unha base imprescindible e
primordial para o desenvolvemento da nosa función docente no noso futuro
laboral.
Para comezar a meternos en materia, realizamos unha actividade previa, consistente tamén nun debate piramidal que xa se explicou en que consistía na anterior entrada de Dosier do tema 4. Neste caso, debatemos os 3 aspectos máis importantes a ter en conta nunha programación didáctica. As 5 ideas principais que xurdiron foron a atención á diversidade, a avaliación, a metodoloxía, os obxectivos e a temporalización. Finalmente, e despois de que toda a clase expuxera a súa opinión e valoración con respecto a este tema, decidimos que os 3 aspectos máis importantes son a avaliación, a metodoloxía e os obxectivos. A avaliación, porque é importante ter claro o xeito de valorar o traballo do alumnado e, sobre todo, considerar se foi útil os recursos que puxemos en práctica con eles; a metodoloxía, debido a que é imprescindible ter claro a forma de enfocar as nosas clases para que sexan o máis produtivas e motivadoras posibles; e, por último pero non por iso menos importante, os obxectivos, que establecen claramente aqueles aspectos que queremos traballar e as competencias que queremos que o noso alumnado adquira durante o curso académico.
Despois
deste interesante debate, fixemos unha breve introdución de ditas programacións
para seguir con outra actividade participativa en Google Docs. En grupos de 3 ou 4 persoas, buscamos unha
programación didáctica dun instituto galego para analizar e comprobar se
conteñen todos os elementos que debería ter e se contén fontes de información,
ademais de ter que elaborar unha breve descrición dos contidos e unha
valoración xeral dela, aspectos a destacar ou a exposición dalgún comentario
pertinente.
No caso
do meu grupo, escollemos o IES Arcebispo Xelmírez I, situado en Santiago de
Compostela, concretamente a programación didáctica relativa á lingua alemá. No
que respecta aos elementos da programación didáctica, chamounos a atención que
faltaban o apartado j), que fai referencia á organización dos procedementos que
lle permitan ao alumnado acreditar os coñecementos necesarios en determinadas materias,
no caso do bacharelato, o apartado m), que fai referencia á concreción dos
elementos transversais que se traballarán no curso que corresponda, e o
apartado ñ), que fai referencia aos mecanismos de revisión, avaliación e
modificación das programacións didácticas en relación cos resultados académicos
e procesos de mellora. A falta destes tres elementos na programación constatan
que ten bastantes puntos febles que se deben mellorar, sobre todo a falta dos
elementos transversais. Ademais, tamén comentamos que era raro a non existencia
dun apartado propiamente dedicado aos recursos e aos materiais.
Comentamos
co docente que tiñamos bastantes inseguridades con respecto a esta temática das
programacións didácticas, xa que aínda non tiñamos moi claro, por exemplo,
conceptos como os estándares de aprendizaxe, tan importantes á hora de
desenvolver correctamente unha programación. O docente, ante esta dificultade
do alumnado, propúxonos o visionamento de vídeos explicativos na plataforma de
vídeos YouTube, e grazas a eles,
esclareceunos enormemente este concepto básico.
Continuamos
con outra actividade en Google Docs
na que tivemos que efectuar a mesma tarefa que no anterior documento, pero esta
vez analizando unha programación específica de Escola Oficial de Idiomas. Nós
escollemos a Escola Oficial de Idiomas de Ourense e, máis concretamente, a
lingua italiana. Comprobamos que os apartados que faltaban na programación
didáctica eran o j), que fai referencia aos procedementos para que o
departamento coordine, valore e revise o desenvolvemento e o resultado da súa
programación didáctica e o apartado k), que fai referencia aos procedementos
para realizar a avaliación interna do departamento. Polo demais, quixemos
destacar que sería convinte que se elaborase unha programación didáctica
unificada e non por niveis lingüísticos, como está actualmente, e que se
engadisen os apartados que faltan.
En
conclusión, a pesar da dificultade e quizás menor dinamismo do tema relativo ás
programacións didácticas, aprendemos moitos conceptos e contidos básicos que
servirannos no noso futuro laboral docente, sempre tirando de recursos útiles e
activos coa axuda das TIC.
Comentarios
Publicar un comentario