3. O ensino das linguas estranxeiras por proxectos
Como xa
se mencionou na entrada relativa ao Marco Común Europeo de Referencia para as linguas, un novo xeito de traballar nas aulas que está á orde do
día é empregando proxectos. Este novo modelo nas aulas consiste en propoñer ao
alumnado a realización dun proxecto de investigación ou desenvolvemento cuns
obxectivos concretos que deben alcanzar. Eles mesmos deben ser os protagonistas
da súa aprendizaxe, onde aprenden a aprender, desenvolven a súa autonomía,
obteñen información, organízanse e son quen de solucionar con éxito o problema
presentado. O desenvolvemento de tarefas por proxectos conta con moi
importantes vantaxes para os estudantes. En primeiro lugar, permite que o
alumnado traballe de forma multidisciplinar, xa que poden traballar contidos e
competencias de diferentes materias e, ademais, melloran capacidades
cooperativas, colaborativas e organizativas. Grazas a este desenvolvemento das
súas capacidades cooperativas e colaborativas, foméntase o exercicio das súas
destrezas sociais, xa que teñen que relacionarse cos seus compañeiros, debater,
argumentar, ter espírito crítico, respectar e poñerse de acordo. A maiores,
tamén se fai uso das novas tecnoloxías como ferramenta imprescindible para o
desenvolvemento deste tipo de traballos por proxectos mentres que o alumnado
exercita a súa competencia dixital e mellora a súa destreza cas TICs. Outra das
vantaxes máis destacables é que o alumnado afianza moito mellor os
coñecementos, xa que responsabilízase do seu propio aprendizaxe, como se
comentou anteriormente, e non realiza un mero exercicio de memoria, senón de
relación e asimilación. E, como consecuencia de todas estas, comprobouse que
lles sirve de preparación para a súa futura vida tanto persoal como
profesional, xa que lles aporta autonomía persoal, capacidade de resolución de
conflitos e confianza neles mesmos.
Para a
creación dun traballo por proxectos que o alumnado atope motivador e
interesante, debemos ter sempre en conta as súas inquedanzas e gustos e asegurarnos
de que o traballo non lle suporá unha situación de tedio e amargura, senón de
aprendizaxe e entretemento. Neste caso, baseei a miña elección na unidade 5D do
libro de inglés New English File de Oxford
dun nivel pre-intermedio para o curso de 2º da ESO titulada «The name of the game», que trata o tema
do deporte. Como vemos na imaxe, no ensino por proxectos queremos escapar deste
tipo de actividades mecánicas nas que soamente hai que mirar fotografías ou
memorizar preposicións. Por iso, a tarefa alternativa que proporei será a
celebración dunhas Olimpíadas.
Para
comezar, faremos na clase un brainstorming
propoñendo e votando ata 5 deportes de equipo diferentes que conformarán as
diferentes probas para as Olimpíadas. A continuación, sempre tendo en conta a
atención á diversidade, crearanse 5 grupos diferentes e cada un deles
encargarase de investigar en inglés as normas, a historia e a orixe de cada
deporte, sendo así unha tarefa totalmente transversal. Despois, prepararán unha
exposición tamén na lingua estranxeira para que os outros equipos entendan como
se xoga a ese deporte do que fala o grupo expositor. Ademais, poderán adestrarse
nestes deportes na materia de Educación Física durante un período medio de
tempo para, así, alcanzar unha preparación satisfactoria fronte a gran día das
Olimpíadas. Para engadirlle un factor contextual real, nós como docentes
poderemos contactar cos medios de comunicación da cidade para que os propios
alumnos lles fagan saber o proxecto que eles mesmos están a realizar.
No que
respecta á avaliación, como nos demais casos, empregarase unha rúbrica ou
grella de avaliación, na que os elementos fundamentais que se terán en conta
serán tanto a gramática e a correcta ortografía dos traballos, a boa exposición
e explicación dos deportes, os contidos e a profundidade coa que se tratou a
investigación que se levou a cabo e a participación positiva e activa para coa
a tarefa.
Como conclusión, podemos dicir que neste caso traballar por proxectos
carrexa non só o alcance satisfactorio e con éxito dos contidos da materia de
inglés como o emprego das preposicións pertinentes, os verbos de movemento, a expresión
das normas dos deportes, a práctica da fluidez oral ou a adquisición de vocabulario
específico de deportes, senón que o alumnado desenvólvese tamén
transversalmente en contidos de materias como a historia ou a xeografía, así
como nas súas competencias sociais e cívicas grazas ao traballo cooperativo e
colaborativo e aos deportes en equipo. Por último pero non por iso menos
importante, con esta tarefa tamén fomentamos un estilo de vida activo e
saudable coa que tanto hai que concienciar hoxe en día aos nosos adolescentes.
Referencias:
· Cortés,
A. (2014). El nuevo currículo LOMCE y el trabajo por competencias. Fórum Aragón, 12. [consultado o 4 de
decembro 2017]. Recuperado de: https://dialnet.unirioja.es/descarga/articulo/4754426.pdf
· Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Competencias clave. [consultado o
4 de decembro 2017]. Recuperado de: https://www.mecd.gob.es/educacion/mc/lomce/el-curriculo/curriculo-primaria-eso-bachillerato/competencias-clave/competencias-clave.html
· Oxenden,
C., Latham-Koenig, C. y Seligson, P. (2005). New English File: Pre-intermediate Student’s Book. Oxford: Oxford
University Press.
Comentarios
Publicar un comentario