6. Diario. Metodoloxía CLIL/AICLE
Como se comentou no Dosier deste tema 6, a temática que traballamos foi a metodoloxía CLIL (Content and Language Integrated Learning). En primeiro lugar, podemos comezar falando dos seus principios metodolóxicos:
• A lingua emprégase para aprender contido da área, mais tamén hai que aprender a lingua para ser capaces de comprender e comunicar. Isto quere dicir que ambas prácticas son indispensables para alcanzar os obxectivos desta metodoloxía: acadar as competencias tanto do contido como da lingua.
• A materia que se estuda é a que determina a lingua que se necesita aprender. Isto quere dicir que se empregará o tipo de lingua necesaria para a correcta explicación dos contidos da materia na que se estea traballando. Por exemplo, se estamos ca materia de Naturais, empregarase un tipo de discurso, estruturas e vocabulario acorde ás necesidades dese campo específico de traballo.
• A fluidez é máis importante que a corrección gramatical e a lingüística en xeral. Este aspecto resulta fundamental para a confianza e motivación do alumnado, xa que eles mesmos ven que son capaces de expresarse correctamente nunha lingua estranxeira e nunha materia que están aprendendo e que se trata de contidos especializados. Aínda así, tamén é importante sacarlle proveito a ocasións nas que poidamos mellorar tanto a gramática coma calquera outro aspecto lingüístico.
Ademais, tamén é indispensable coñecer as características e estratexias que fan desta metodoloxía toda unha innovación no mundo docente e que cómpre que nós, como futuros profesores, coñezamos á perfección:
• Ensino centrado no alumnado. Isto conséguese fomentando a cooperación, tanto entre o alumno e o docente coma entre os propios alumnos entre eles. Para isto, pódese negociar con eles os temas e as tarefas, partir sempre do particular ao xeral, empregar exemplos e situacións reais que coñezan para que sexa máis sinxela a súa comprensión e traballar por proxectos.
• Ensino flexible e facilitador. Debemos facilitar a comprensión total do contido e do contexto, usando tanto estratexias lingüísticas ou paralingüísticas como adaptándonos en todo momento ás necesidades do alumnado.
• Aprendizaxe máis interactiva e autónoma. É importante empregar rúbricas para a avaliación, fomentar o traballo en grupos ou pares e o traballo de investigación ou por descubrimento, entre outras medidas.
• Emprego de múltiples ferramentas e recursos, especialmente das TIC. Isto aportaralles un contexto moito máis variado e rico para beneficio da súa formación.
• Aprendizaxe enfocado a tarefas e procesos. As mellores tarefas serán as que promovan tanto a aprendizaxe dos contidos da materia como o emprego significativo da lingua estranxeira, como se dixo anteriormente.
Se continuamos falando desta metodoloxía, tamén é moi salientable mencionar o concepto clave de andamiaxe ou scaffolding, idea básica tirada das teorías de Vygotsky (1978) que se poden dividir en tres categorías diferentes de capacidade de resolución de problemas e outras estratexias:
• Aquelas que o alumnado pode realizar independentemente.
• Aquelas que o alumnado non pode realizar incluso con axuda.
• Aquelas que o alumnado pode realizar con axuda de outros.
Esta última categoría enténdese como Zona de Desenvolvemento Próximo (ZDP), que fai referencia á distancia existente entre o nivel real de desenvolvemento do alumno, determinado pola súa capacidade de resolver un problema por el mesmo e o nivel de desenvolvemento potencial que o alumno pode conseguir se é axudado por un adulto ou na interacción cun compañeiro máis capacitado. Polo tanto, a andamiaxe son as estruturas, actividades ou estratexias de apoio que o docente aporta para que o alumno constrúa o coñecemento, non aportándolle a resposta sino facilitando e proporcionando un soporte que lle sirva a aqueles alumnos que o necesiten para acadar o obxectivo de aprendizaxe. Neste caso é igual de importante tanto na adquisición de competencias de contidos coma de lingua.
Seguindo a clasificación de Dodge (2001), podemos dividir os tipos de andamiaxe en tres diferentes:
• De recepción. Para asegurar que o alumnado extrae a información necesaria e relevante.
• De transformación. Estratexias para permitir a transformación da información recibida nalgo novo: comparar, contrastar, valorar, etc.
• De produción. Apoio que o alumnado precisa para crear ou producir algo novo.
Despois de comentar estas nocións básicas e indispensables sobre a metodoloxía CLIL, podemos afirmar que é toda unha revolución nas escolas xa que conta con infinidade de vantaxes, tanto desde o punto de vista lingüístico como o desde o punto de vista dos contidos entre outros moitos: aumenta exponencialmente a motivación do alumnado fronte a ensinanza da lingua estranxeira xa que o seu emprego está contextualizado e ten unha finalidade clara, afianza con mellores resultados os contidos traballados, aporta unha maior diversidade dos contidos, desenvolve satisfactoriamente as competencias básicas e aumenta as capacidades xerais de aprendizaxe.
Por iso, na miña opinión, valoro que se trata dunha metodoloxía moi útil e que aporta bos resultados na aula, xa que traballamos simultaneamente tanto os contidos como a lingua estranxeira. Ademais, é importante deixar claro tamén que a lingua estranxeira seguirase traballando independentemente para afianzar e avanzar na adquisición das capacidades meramente lingüísticas. Con respecto á actitude do alumnado, coido que tamén fomenta positividade e motivación fronte a ensinanza, axudando así a que o proceso educativo sexa moito máis satisfactorio.
Ola Vera! Sen dúbida o que máis me gusta desta metodoloxía é a busca de motivación do alumado, algo fundamental para que funcione o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Esperemos que coma futuras docentes (dentro duns anos) poidamos innovar e aplicar esta metodoloxía nas nosas clases de LE!
ResponderEliminarUn saúdo!
Miriam
https://cueillelejourpresent.blogspot.com.es/
Moitas grazas pola túa aportación, Miriam! Creo que o que máis claro nos quedou dende que comezamos este Mestrado foi que é fundamental conseguir a motivación máxima do noso alumnado; de seguro o acadaremos!
EliminarUn saúdo!