Ana. Reflexión 2ª sesión

A segunda sesión con Ana tamén supuxo unha revelación para todos nós. A súa enerxía, os seus ánimos e o seu positivismo cara a profesión docente motivounos no momento xusto que o necesitabamos. As pautas e consellos que nos deu para afrontar os primeiros días de clase cos alumnos parecéronme básicos: establecer unha serie de normas que terán que cumprir para posteriormente minimizar a posibilidade de conflito na aula. Ademais, outra idea fundamental pareceume o feito de non ameazar nin prometer nada ao alumnado que non vaiamos a cumprir, xa que despois non crerán ningunha das cousas que digamos. 

No relativo ás dinámicas de warm-up, tanto a chamada «The Chain» coma a dinámica da bola de papel, parecéronme ideas xeniais polo seu compoñente sorpresa, que non permite ao alumno preparar con anticipación a súa resposta e desconectar ata a súa quenda. Penso que isto é un elemento básico en tódalas actividades que levemos a cabo na aula: non permitir que o alumno perda o fío argumental da sesión e que poida participar o máximo posible, mellorando así, obviamente, as súas habilidades e capacidades relacionadas ca lingua estranxeira. 

Ademais, o feito de que as actividades e tarefas que propoñamos teñan un propósito tanto para eles coma para nós é outro aspecto fundamental que se debe ter en conta á hora de planificar as nosas sesións de aula. Isto é o coñecido como «obxectivos» que conforman a unidade didáctica e que teñen que quedar ben claros antes de comezar ca función docente. 



No resto da 2ª sesión con Ana, traballamos especificamente o ámbito da comprensión oral. Ensinounos infinidade de dinámicas aplicables a traballar esta competencia de comprensión oral, escapando de traballala sempre do mesmo xeito, é dicir, con listenings aburridos, sen motivación, nin diversión nin con un propósito nun contexto real. Tamén é necesario, antes de facer o exercicio propiamente de comprensión, situar ao alumnado nun contexto e tópico específico que os axude a mellorar a súa capacidade de escoita. 

Con todo, outro aspecto fundamental tamén me pareceu que no punto medio está a virtude. Obviamente, debemos escapar das mesmas rutinas de sempre para traballar e mellorar a lingua estranxeira, fomentando así actividades e tarefas que para os rapaces lles supoñan ademais de aprendizaxe, divertimento e motivación, pero sempre dentro dun límite que nos permita levar harmoniosamente a clase e sen perder nunca o control. Non debemos esquecer que se trata de rapaces na época adolescente e que manter un ambiente de disciplina e traballo é básico para obter bos resultados académicos e persoais. 

Ademais, á hora de propoñer actividades innovadores e que lles gusten, sempre podemos optar por tarefas que requiran que falen de si mesmos: aos adolescentes encántalles iso. Neste aspecto, debemos tamén ter coidado cas relacións sociais da aula e procurar que non sempre falen cos mesmos compañeiros ou amigos e que amplíen o seu círculo de interacción. Deste xeito, enriqueceranse moitísimo máis que traballando individualmente ou reducindo o trato aos seus amigos de sempre. 

Como conclusión, esta sesión pareceume moi interesante e unha fantástica fonte de recursos que espero poder empregar nas miñas futuras sesións como docente. Ademais, tamén supuxo unha fonte de motivación con respecto a encarar as temidas oposicións e como fomento da nosa propia imaxinación para programar actividades o máis creativas e divertidas posibles para o noso alumnado. 

Comentarios

  1. Alégrame que che resultara útil a sesión. Unha puntualización: catalogas esta entrada como segunda conigo, e en realidade foi a primeira. a segunda é a comprensión escrita.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Cataloguei as entradas coma un global da totalidade das sesións. Debo cambialas á numeración dependendo de se son túas ou de Luz? Igualmente, están etiquetadas nas pestanas da páxina principal. :)

      Eliminar
  2. Efectivamente, agora entendo o que fixeches, fostes a única que o fixo así e resulta un pouco confuso, pero non te preocupes, xa queda claro. Gracias.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares