Luz. Reflexión 3ª sesión

Na 3ª sesión, volvemos ter clase con Luz. Nesta ocasión, dedicámola a tratar a temática da expresión e produción oral, esa gran besta negra a que, tanto meniños coma adultos, téñenlle pánico á hora de aprender unha nova (ou non tan nova) lingua estranxeira. A inseguridade, a vergonza, a pouca aceptación dentro da sociedade e a pouco práctica desta skill son algúns dos moitos motivos que dificultan a mellora e progreso da aprendizaxe do inglés (neste caso) hoxe en día. Nós, como docentes, debemos fomentar a motivación da fala e para conseguilo é básico que contextualicemos dentro do máximo posible tódolos exercicios orais. Obviamente, o alumnado prestará moita máis atención se as tarefas que lles propoñemos baséanse en falar de situacións reais ou deles mesmos máis que se lles obrigamos a falar dun hipotético personaxe de libro de texto que non lles importa nin o que fai nin o que deixa de facer. 

Unha idea fundamental que tratou Luz na sesión foi The Minimax Teacher, que consiste en minimizar o input e maximizar o output do alumnado. Deste xeito, acadaremos mellores resultados, aumentaremos a motivación e, ademais, este tipo de actividades e tarefas baseadas nesta idea serviranos para reempregar infinidade de veces con alumnado e aulas diferentes, sempre adaptando os obxectivos e a dificultade ao nivel co que estamos traballando. 

Outro aspecto a ter en conta é a creación dos grupos para cando queremos que traballen cooperativamente. Probablemente eles pensen que se trata totalmente de azar e aleatoriedade, pero nada máis alá da realidade. O docente debe medir ata o último detalle da súa sesión e nada se pode escapar de ser totalmente programado. O feito de elaborar nós mesmos os grupos de traballo permítenos mesturalos segundo o nivel que teñan para que se poidan axudar mutuamente, por exemplo, ou para que non estean sempre interactuando cos mesmos compañeiros (do mesmo xeito que tamén os separaremos se sabemos que existe algún tipo de conflito entre eles). 


Para traballar de xeito diferente actividades de fala, Luz ensinounos a súa bolsa infinita de obxectos. Parece unha idea básica, pero abraioume moitísimo a infinidade de actividades que se poden desenvolver na aula para practicar o speaking. Ademais, este sistema ofrece diversidade, motivación e distancia fronte as aburridas actividades de sempre nas que soamente teñen que repetir como loros diálogos que nin eles entenden o seu propósito. 

Coma en toda actividade que realizamos en clase, e sobre todo, actividades de expresión oral, debemos ter unha maneira xeneralizada de rematalas para ter sempre baixo control a harmonía da aula. Deste xeito, se propoñemos unha actividade un pouco máis dinámica na que, obviamente, os rapaces participan activamente e incluso se emocionan ao realizala, poderemos poñerlle fin sen deixarnos a voz e a garganta no intento. Unha moi boa idea, como dixo Luz e coma eu mesma comprobei grazas á miña experiencia de monitora de campamentos, sería levantar a man e que eles mentres vexan á profesora, vaian calando e levando sucesivamente a man ata que se acade o completo silencio na aula. 

En conclusión, esta sesión pareceume moi reveladora debido ás dificultades que abordan a mellora da expresión oral e ao reto que supón acadar mellores resultados nas nosas aulas. Tanto a contextualización das actividades (information gap) como o método Minimax parecéronme estupendos para aplicar no día de mañá na miña aula. 

Comentarios

  1. Moi boa reflexión. Simplemente unha puntualización. Ás veces si que podemos deixar que fagan os seus propios grupos/parellas, sobre todo para actividades que non sexan moi complexas ou que impliquen traballo de casa, presentación en clase, etc. Eso vai depender das dinámicas que vaias observando na clase, xa que ás veces traballan mellor así. Só hai que estar atenta a como se relacionan.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Moitas grazas, Luz. Engado este consello á miña mochila de recursos.

      Eliminar

Publicar un comentario

Entradas populares