Comeza Didáctica

Ano novo, materia nova! E todos comezamos con moitas ganas e ilusión esta última do Mestrado, Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Este luns impartírona tanto Hermes (as dúas primeiras horas) como Gonzalo (as dúas últimas). Hermes comezou cunha breve introdución dos contidos que iamos traballar, os criterios de avaliación e, por último, tamén nos falou sobre as posibles dúbidas que teríamos con respecto á besta negra chamada oposición




Ademais, no desenvolvemento da sesión, tratamos interesantes conceptos e consellos para o noso futuro labor como docentes. Algunhas das ideas máis destacables foron:

- Recoméndase impartir a clase de lingua estranxeira na propia lingua estranxeira, aínda que nun primeiro momento o primeiro froito sexa a resistencia por parte do alumnado, xa que a longo prazo será moito máis beneficioso.

- En Portugal existe un maior nivel na lingua estranxeira xa que non optan pola dobraxe do material audiovisual, senón que o subtitulan, mellorando así considerablemente as súas habilidades lingüísticas. 

- Un opositor é un mero transmisor de contidos, que ten que estudar o temario rigorosamente e proxectalo no papel o día do exame. Precisamente, as novas teorías de innovación queren escapar deste modelo docente. 

- Non ten sentido que nunha aula de literatura non se lea e a acción se limite a memorizar teoría sobre ela. O alumnado debe experimentar a literatura e a lectura na súa totalidade. 

- Como exercicio práctico, elaboramos tres oracións disxuntivas tomando como exemplo a célebre frase de Shakespeare na súa obra Hamlet

- Por último, repasamos os conceptos palíndromo e lipograma. Un palíndromo trátase dunha palabra ou expresión que é igual se se le de esquerda a dereita e de dereita a esquerda, é dicir, coma se se tratase dun número capicúa. Un lipograma trátase dun texto no que se omite sistematicamente algunha letra (ou varias do alfabeto. O grao de dificultade deste artificio lingüístico é directamente proporcional á frecuencia da letra omitida no idioma empregado (en español a «a» ou a «e») e a extensión do propio texto. Como famoso e actual exemplo de lipograma podemos mencionar a canción Efectos vocales do coñecido rapero Nach Scratch




Comentarios

Entradas populares