Diario. Situacións e variables de ensino das linguas estranxeiras

Nesta unidade, titulada «Situacións e variables de ensino das linguas estranxeiras» trátanse diversos conceptos e coñecementos básicos para desenvolver correcta e satisfactoriamente a nosa función e labor docente. Para comezar, é interesante mencionar as diferentes situacións nas que se podería dar o ensino de linguas estranxeiras. As situacións serían as seguintes:
- Ensino das linguas estranxeiras en idades precoces.
- Ensino das linguas estranxeiras no ensino secundario. 
- Ensino das linguas estranxeiras na formación profesional. 
- Ensino das linguas estranxeiras nas Escolas Oficiais de Idiomas. 
- Ensino das linguas estranxeiras a séniors. 
- Ensino do castelán como lingua estranxeira. 

Dentro das variables que se deben ter en conta nunha situación de ensino-aprendizaxe existen 3 importantes: as características do alumnado, as características do centro e os diferentes obxectivos que se poidan propoñer. 

Nas características específicas do alumnado, pódense mencionar as variables da idade e da lingua inicial. Nesta entrada, centrarémonos na idade. A idade é un dos factores máis importantes xa que aprendemos de xeito diferente segundo a idade debido aos diferentes graos de madureza, desenvolvemento cognitivo, capacidade de análise, reflexión e formalización. Dividimos as etapas da idade do seguinte xeito:

- A idade ideal (0-12 meses). Nesta etapa, as capacidades son excepcionais, xa que teñen unha grande riqueza perceptiva. O bebé especialízase nos sons específicos da súa lingua inicial. É imposible reproducir un ambiente familiar bilingüe no sistema escolar. 

- A idade gloriosa (1-6 anos). Os meniños aínda tratan as secuencias verbais como contornos entoativos. A capacidade máxima de imitación desenvólvese ata os 8 anos, e isto permítelles aprender rapidamente unha lingua. Debemos ter en conta que os meniños aprenden moi rápido pero tamén esquecen facilmente, polo que a exposición á lingua estranxeira debe ser constante. 

- A idade crítica (7-9 anos). Este é o período de reorganización perceptiva, xa que pasa dun tratamento global a un tratamento analítico. Os rapaces contan cun desenvolvemento cognitivo máis avanzado, polo que o neno é capaz de repetir secuencias máis longas, descubre conscientemente regras (coñecemento metalingüístico) e o seu sistema semántica está moito mellor organizado. 

- O limiar fatídico (10 anos). Nesta etapa etaria, perden maleabilidade cerebral, plasticidade dos controis motores e o proceso de imitación é menos eficiente. Ademais, o neno perde boa parte da súa riqueza perceptiva, as realizacións fonéticas deterióranse, a articulación tórnase lenta, a lingua inicial convértese nun filtro e ten máis dificultades para se corrixir. 


No relativo ás características dos centros de ensino, como todos sabemos, poden ser públicos, concertados ou privados. Entre eles as diferenzas son o control pedagóxico e financeiro das administracións públicas, as esixencias na formación e contratación do profesorado e a política de admisión dos estudantes. Dentro deste tema, podemos mencionar os dous polos que existen no relativo á relación docente-discente:

- Submisión do alumnado ao profesor. O discente non ten iniciativa e a aprendizaxe está centrada no docente, é dicir, as clases maxistrais onde unicamente fala o profesor son o recurso máis empregado. 

- Participación do alumnado na aprendizaxe. Os discentes son moi activos, xa que observan, descobren, discuten, presentan e xogan. O docente os acompaña, os guía e os xestiona, pero en ningún caso comporta o núcleo da aprendizaxe coma no caso anterior. Neste caso, empregaranse infinidade de recursos e ferramentas innovadoras para que o alumnado desenvolva ao máximo as súas capacidades. 

A situación más corrente nas aulas e situarse no medio de ambas. Persoalmente, penso que ofrece moitos mellores resultados a segunda opción, xa que o alumno síntese como o protagonista do seu propio proceso de aprendizaxe, polo que deste xeito, aumentará a súa motivación, sendo así cun círculo vicioso que só aporta resultados positivos. 

E, por último, toca mencionar aos obxectivos. Os obxectivos permiten e facilitan a avaliación, serven para probar a eficacia da metodoloxía aplicada, para permitir a reflexión sobre as aprendizaxes, para construír unha aprendizaxe adaptada ás necesidades e intereses do alumnado. 

A continuación, expóñense os obxectivos do ensino das linguas estranxeiras:
- Desenvolver saberes, saber-facer e saber-estar en lingua estranxeira. 
- Mobilizar as competencias do alumnado. 
- Paliar as carencias e responder ás necesidades de aprendizaxe.
- Diversificar os soportes do input e do output (textos, cancións, vídeos, audios, etc.).
- Desenvolver actitudes positivas sobre lingua oral e escrita. 
- Pór en valor ao alumnado recoñecendo as súas particularidades e potenciando as súas calidades. 

Como vimos neste tema, é imprescindible ter en conta todas estas variables e situacións de ensino para adaptarnos o máximo posible aos requirimentos que o proceso de aprendizaxe solicita dependendo do contexto no que esteamos. Obviamente, non se impartirán do mesmo xeito unha clase de inglés nun instituto que nunha Escola Oficial de Idiomas, por exemplo, e, do mesmo xeito, non é o mesmo impartir a mesma clase a adultos que a meniños pequenos, xa que contan con características diferentes ás que nós, como docentes, témonos que adaptar á perfección para conseguir resultados positivos e de éxito. 

Comentarios

Entradas populares