Luz. Reflexión 1ª sesión

A primeira sesión que tivemos con Luz foi como un sopro de aire fresco para todos nós. Nun primeiro momento deixounos en shock ca súa decisión de que pechásemos os ordenadores e nos colocaramos naquela zona que, parece, está totalmente restrinxida para os universitarios: as primeiras filas. Supoño que a contrariedade reflectíase ao 100 % nas nosas caras pero, despois de que pasasen as 4 horas da sesión, todos comprendemos o motivo desa decisión. Coido que todos estivemos moito máis atentos e espremendo cada minuto da sesión. 

Isto danos pé a comezar un debate sobre o emprego activo ou non nas aulas das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Obviamente, estas tecnoloxías ofrécennos unha infinidade de recursos e ferramentas útiles para empregar nas aulas, pero sempre dentro dun termo medio e sen alcanzar o sobreemprego. 

Para continuar co comentario da metodoloxía empregada en clase, o xeito de tentar reproducir o traballo real nunha aula pareceume moi interesante á vez que produtivo, porque canto máis real se considere a situación e o contexto, penso que máis aprenderemos como futuros docentes. Ademais, o feito de que Luz mostre na clase traballos feitos polo alumnado ou que comente a efectividade ou non de dinámicas ou técnicas didácticas fai tamén que todo o traballado teña un contexto realista e aplicable á vida real e ao noso futuro. 

A actividade de warm-up pareceume unha técnica moi interesante para introducir a clase de xeito dinámico e distendido, sen caer no tedio de explicacións absurdas que soamente axudan á perda de atención e motivación do alumnado. 
O resto da sesión versou sobre as competencias clave. Deixoume ca boca aberta ver que realmente, na nosa clase de lingua estranxeira, podemos traballar todas e cada unha das competencias que recolle o currículo. Ademais, todas as actividades, dinámicas, recursos e ferramentas que nos ofertou Luz parecéronme incriblemente útiles para traballar na aula cos rapaces. Penso que son un xeito de que aprendan á vez que se divirten, e iso o único que fará é ter consecuencias positivas como o aumento da súa motivación (tanto intrínseca como extrínseca) e que cambien a súa forma de ver a lingua estranxeira como un obstáculo, senón que a vexan coma unha ponte que lles axudará tanto a comunicarse con outras culturas como para simplemente vivir experiencias incribles como viaxar arredor do mundo.  

Como conclusión, diría que esta primeira sesión foi moi reveladora para nós pola infinidade de motivos que expliquei neste post. Penso que é moi necesario que vexamos aínda que sexa unha reprodución real do que sería unha aula de Educación Secundaria Obrigatoria, xa que deste xeito anticiparémonos mellor a posibles dificultades que poidan xurdir na nosa futura aula como docentes. 

Comentarios

  1. Gustoume a túa primeira reflexión. Precisamente o emprego das TIC (ou TAC, como se di agora) vai ser un dos tema de debate da derradeira sesión, en común co outro grupo, así que xa podes empezar a pensar no asunto!

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Efectivamente, pareceume interesantísimo o debate que levamos a cabo na última sesión sobre este tema candente e controvertido que é a tecnoloxía na aula. Moitas grazas.

      Eliminar

Publicar un comentario

Entradas populares