Dosier. Situacións e variables de ensino das linguas estranxeiras

O luns seguimos ca segunda parte da sesión que impartiu Gonzalo, que en primeiro lugar presentou a materia, os seus contidos e os seus criterios de avaliación. A primeira das tarefas que fixemos foi un diagrama de Venn (overlapping circles). Nun primeiro momento, ningún sabemos o que é, pero en seguida soubemos que se trataba dun diagrama que emprega círculos que se superpoñen para ilustrar as relacións lóxicas entre dous ou máis conxuntos de elementos. A miúdo, empréganse para organizar cousas de forma gráfica, destacando en que se parecen e en que difiren os elementos.  


De seguido, Gonzalo propúxonos unha páxina web educativa canadense que contén infinidade de recursos chamada learnalberta.ca. Para facer a tarefa do diagrama de Venn, repartiu 4 folios en A2 e cores para cada un dos grupos de catro que eramos: tivemos que establecer as diferencias e similitudes existentes en relación cos conceptos de lingua materna e lingua estranxeira

Como conclusión ao poñelo en común ante toda a clase, os resultados foron os seguintes:
- Lingua materna: gramática aprendida ca práctica, identidade, inconsciente. 
- Lingua estranxeira: gramática estudando teoría, complemento, consciente, viaxes, multiculturalidade. 
- Ambas: reflexa a expresión dunha cultura, comunicación, cultura, socialización, riqueza, comprensión, intercomunicación. 

Para continuar ca clase, visualizamos unha serie de transparencias con teoría sobre as diferencias existentes entre a lingua inicial, a lingua segunda e a lingua estranxeira. A lingua inicial trátase da primeira lingua que aprende unha crianza e aprendémola antes da etapa escolar, de maneira inconsciente e sen ningunha intención concreta. Pódense adquirir dúas linguas iniciais e, por outra banda, o termo «lingua materna» é confuso. A lingua segunda é a que se adquire despois da lingua inicial e adquírese na escola, no lar ou na rúa, emprégase como unha lingua vehicular, como lingua administrativa ou como lingua do ensino. Neste caso tamén se poden adquirir varias linguas segundas. En inglés, o concepto de «second language» é un concepto diferente, xa que en Inglaterra son oficialmente monolingües non se emprega a lingua inicial, e en Galiza non se emprega esta denominación, senón que se prefire «oficial» ou «cooficial». E, por último, temos a lingua estranxeira, que se adquire soamente nun contexto escolar, de xeito consciente, cunha intención clara e non se trata dunha lingua vehicular. 

De seguido, traballamos ca técnica cooperativa do placemat consensus (a súa tradución literal ao galego é salvamantel). Esta técnica consiste en debuxar nun folio A2 neste caso as liñas coma na seguinte imaxe para que, desta forma, cada membro do grupo expoña a súa opinión e, por último, chegar a un consenso final en común. 

As cuestións que tivemos que debater cada grupo foron as seguintes, xunto cas posibles respostas e a resposta correcta final: 
1. Na Comunidade Europea fálanse 40 linguas distintas. Fálanse todas no Parlamento? Existen 24 cabinas de interpretación a 24 idiomas diferentes, mais non sempre se empregan todas.
2. Na Comunidade Europea fálanse 40 linguas distintas. Empréganse todas na Comisión Europea? A resposta deste grupo foi que se usan todas, pero para comunicarse prefírese o inglés ou o francés. A resposta final correcta é que se empregan o inglés, o francés e o alemán, aínda que maioritariamente emprégase o inglés. 
3. Inditex conta con 6913 tendas ao longo dos 5 continentes, que lingua usa cos clientes? En que lingua se comunican as tendas ca central de Arteixo? A lingua que se empregará cos clientes dependerá da situación xeográfica na que se atope a tenda e as comunicacións con Arteixo realizaranse en inglés e español. 
4. Citroën ten 13 fábricas en 7 diferentes países, en que lingua se comunican os responsables da fábrica entre si? Este era o debate proposto para o meu grupo. Todas puxemos francés, menos a nosa compañeira Nuria que puxo que se comunicaban en francés e en inglés, mais despois de debatelo, decidimos que soamente se fala en francés. Efectivamente, a resposta final correcta é que se fala en francés, xa que a propia política de empresa establece que todos os responsables sexan franceses. 

A seguinte tarefa de debate tamén foi empregando esta técnica do placemat, e os debates foron os seguintes:
1. Pedro é da Coruña, traballa no Zara do Marineda City e aprendeu a falar en castelán, que lingua falara cun cliente que lle fale en galego? E cun cliente que lle fale en inglés? A actitude lingüística será a mesma? Neste caso, facendo moitos supostos, decidiron que se lle falan en galego, Pedro contestará en castelán, e co cliente que lle fala en inglés, intentará falar en inglés. En definitiva, a actitude lingüística non é a mesma, aínda que todo depende de moitos factores tanto internos coma externos. 
2. Unha profesora castelán falante de historia nun centro de ensino público en Galicia, en que lingua dará as súas aulas? Pensamos que falará en castelán, máis debería falar en galego por lei. 
3. Un grupo de Erasmus de 5 países diferentes saen de festa e teñen que decidir o local ao que van ir. Que lingua deciden empregar? Dependerá dos países dos que proveñan. Se non teñen ningunha lingua en común, falarán castelán ou a lingua do país no que se atopen. Como comodín, sempre está o inglés. 
4. Nunha feira de tecnoloxía dixital reúnense comerciais de 5 compañías de Francia, de Bélxica, de Costa de Marfil e de España. En que lingua falarán entre si? A feira, ao ser tecnolóxica, probablemente fora en inglés, así que quizais a elección sería esa. 

A colación deste último debate, aproveitamos para traballar cos conceptos de lingua habitual, lingua de traballo e lingua vehicular. A lingua habitual é a lingua usada por un falante na maioría de contextos comunicativos; a lingua de traballo é a lingua que constitúe o principal medio de comunicación nunha empresa multinacional, nun organismo internacional ou nun estado plurilingüe; e a lingua vehicular ou lingua franca é a lingua que serve de medio de comunicación entre falantes de linguas diferentes. Así, debatemos que tipo de lingua sería cada unha nos diferentes casos que tratamos na anterior actividade (por exemplo, en Citroën o francés sería unha lingua habitual porque son franceses e na feira de tecnoloxía empregaríase o inglés como lingua vehicular). 

Na seguinte sesión, continuamos con esta temática. Tratamos os conceptos de repertorio lingüístico, comunidade lingüística e comunidade de lingua, para facer a continuación unha tarefa ca técnica do placemat consensus. Cada unha de nós (grupo D) explicamos cal é a nosa comunidade lingüística e a nosa comunidade de lingua e compartímola nun Google Docs

Continuamos ca temática da didácticas das linguas estranxeiras, con explicacións de diferentes metodoloxías de ensino como algunhas que xa traballamos anteriormente como a AICLE, a flipped classroom, ESL, EFL, ESP, didáctica da lingua e da literatura (didáctica da lingua inicial), etc. que se mencionarán na seguinte entrada de «Diario» deste blog. Ademais, debatemos dentro dun Google Docs as diferentes metodoloxías que se poderían empregar dependendo do caso concreto do que falemos. 

Para continuar ca sesión, realizamos outra tarefa baseada no diagrama de Venn. Neste caso, debatemos sobre as similitudes e diferenzas entre ensinar a nenos e ensinar a adultos (entendendo adultos como aquelas persoas de máis de 12 anos). Os resultados do debate global foron os seguintes: 
- Nenos: consomen material rapidamente, teñen menos vergonza, maior participación, actividade oral intensificada, son como esponxas, lingua materna non condiciona tanto o proceso (non tradución dos termos), metodoloxía por proxectos, ensinanza máis oral e visual, menos conscientes da súa aprendizaxe, maior control do que están aprendendo, 
- Adultos: tarefas mais complexas, aprenden con menos rapidez, máis gramática, desenvolvemento cognitivo analítico (necesitan explicación), contidos máis teóricos, mais conscientes da aprendizaxe, poda sináptica.
- Común:  gamificación, maior exposición as linguas estranxeiras que facilita a mellora da aprendizaxe, emprego de música, elementos visuais, emprego e fomento da motivación. 

De seguido, realizamos un debate piramidal no que tiñamos que pensar en dous xeitos na que a L1 inflúe na aprendizaxe da L2. Os resultados finais foron os seguintes, reducíndose á tipoloxía lingüística e ao contacto):
- Existencia de calcos lingüísticos (léxicos, semánticos, gramaticais...). 
- Influencia na pronuncia das palabras. 
- Se se trata de linguas próximas, a comprensión da L2 será moito máis sinxela. 
- No mesmo caso co anterior, a etimoloxía das palabras pode ser similar. 
- As estruturas gramaticais tamén poden ser parecidas. 

Ademais, para finalizar a clase, debatemos tamén sobre a nosa opinión do emprego da L1 no ensino da L2 e elaboramos un trebón de ideas sobre os elementos importantes diferenciais na aprendizaxe das linguas estranxeiras segundo o tipo de centro do que esteamos falando (público, concertado ou privado). Por último, tamén traballamos rapidamente a temática da motivación, a aptitude e a multicompetencia.



Comentarios

Entradas populares