Ana. Reflexión 5ª sesión

A 5ª sesión tivémola ca profesora Ana e traballamos a comprensión escrita, é dicir, o que comunmente coñecemos como reading. Un detalle que mencionou a docente e que me pareceu moi interesante e importante é que hoxe en día non é moi produtivo dividilo todo en 4 destrezas como coñecemos comunmente, senon que cada día dámonos máis de conta de que é imposible traballar algunha das 4 destrezas por separado: sempre existe comunicación na aula, tanto por parte da profesora para explicar como entre o alumnado para facer preguntas e respostas, por exemplo, e sempre se está traballando aínda que sexa indirectamente tanto vocabulario como a gramática. 



Ademais, outro aspecto que me parece salientable é o feito de que non é necesario entender todas e cada unha das palabras para comprender o contido e o significado xeral do texto. Isto mesmo demostrounos Ana na sesión ca seguinte actividade: repartiunos unhas fotocopias con dous extractos de texto e que nós debiamos ler e adiviñar de que tipo de medio de transporte estaban falando cada un deles. A pequena trampa foi que Ana engadiu palabras inventadas ou das que nós descoñeciamos o significado, alegando que eran un tipo de vocabulario slang e que intentásemos igualmente descifrar o significado global dos textos. Efectivamente, nós mesmos démonos de conta de que, a pesar de non entender todas e cada unha das palabras do texto, fomos quen de adiviñar perfectamente a resposta correcta. Por isto, debemos animar e meterlles na cabeza aos nosos estudiantes que non é necesario poñerse nervioso ou bloquearse polo descoñecemento dunha palabra, xa que pode seguirse adiante  no texto sen problema. 

Finalmente, a práctica que fixemos de reformular as diferentes actividades de comprensión lectora dun libro de texto real e propoñer actividades máis motivadoras, lúdicas, divertidas e gamificantes pareceume moi interesante á vez que productivo para poñer en práctica no noso futuro laboral. Como comentaba nunha entrada anterior, é imprescindible non quedarse estáticos e seguir aprendendo, fomentando unha formación continua que nos permita sacar cada día o máximo partido e potencial, así como os mellores resultados académicos posibles do noso estudantado. 

Como di a imaxe que acompaña ao post de hoxe, nós como docentes temos o motor do cambio na aula e debemos ser quen de guiar ao noso alumnado correctamente para que alcancen o éxito. Temos a sorte que ca nosa profesión podemos cambiar xa non moitas vidas influindo positivamente nelas (non só con respecto a coñecementos senón tamén moitas veces a nivel persoal) senón que, aínda que soe estratosférico, podemos chegar a cambiar o mundo pouquiño a pouco. 

Comentarios

  1. Ola, Vera:
    Gustoume moito esta entrada do teu blogue. Encántame a filosofía que emana o teu último parágrafo.
    Cambiemos o mundo a través dunha ensinanza de calidade!

    ResponderEliminar
  2. Estou con vos. Un só non pode cambiar o mundo pero sin cada unha das areas non se fai praia.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Entradas populares