Reflexión sesión compartida

Esta sesión repartiuse á metade entre as dúas docentes, Ana e Luz, e tratamos catro temas ben diferenciados: os grupos PMAR (Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento), as titorías, as seccións bilingües e os auxiliares de conversa. 

En primeiro lugar, falando dos grupos PMAR, pareceume un labor tanto moi difícil como necesario. Difícil debido a que o alumnado parte dende un inicio de dificultades na súa aprendizaxe e, en xeral, son rapaces que teñen a autoestima moi baixa, a súa motivación está polo chan, non teñen un hábito de disciplina e traballo, teñen problemas de tipo familiar e non adoitan estar integrados socialmente. Por isto mesmo, debemos sumar un obstáculo máis á desmotivación xeral que rodea á aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Como en tódalas aulas, debemos ter en conta as necesidades específicas do alumnado, pero neste caso aínda máis e, sobre todo, variar o tipo de actividades que realicemos con eles. 

Por outra banda, o tema das titorías, ao meu parecer, é fundamental. Se nun futuro somos titores dunha aula, debemos espremer este tempo para empregalo produtivamente, é dicir, afastarnos da mecánica xeral de investir esta hora semanal para rematar os deberes, estudar outras materias, falar entre os compañeiros ou simplemente non facer nada. Xa non solo por aproveitar este tempo e mellorar a lingua estranxeira (que tamén), pero especialmente aproveitalo para tratar temas de interese, cultura xeral e respecto que axuden ao estudantado a crecer non só nos seus coñecementos, senón tamén a que crezan como persoas e teñan un pensamento crítico que no día de mañá lles sirva para ser fortes e independentes. Algúns destes temas poden ser o respecto de forma xeral, o racismo, a igualdade de xénero, a animación á lectura, o acoso escolar, o cyberbullying, a educación sexual, o respecto aos nosos maiores, o maltrato animal, a autoestima e a seguridade nun mesmo, entre unha infinidade de temas básicos para a conformación da personalidade dos nenos. Ademais, tamén se pode traballar con noticias e que sexan conscientes dos conflitos e feitos que pasan arredor de todo  o mundo que lles rodea. 


O seguinte tema foi a metodoloxía AICLE (Aprendizaxe Integrada de Contidos e Linguas Estranxeiras) que tratamos a fondo ao longo de todo o Mestrado e, neste caso, Ana ofreceunos o seu punto de vista e máis a súa experiencia. Neste caso, o problema máis grave é a falta de recursos para levala a cabo satisfactoriamente, é dicir, a falta de docentes que controlen tanto da materia e dos contidos que deben impartir coma que teñan un nivel de lingua estranxeira avanzado para ensinar eses contidos de xeito correcto. En xeral, opino que é unha boa forma para que os rapaces estean en continuo contacto ca lingua e perdan a vergonza que, en moitas ocasións, teñen. Algo que me chamou a atención e que non sabía era que é o propio alumnado o que decide se asistirá ou non a unha materia que se imparte de xeito bilingüe, sen necesidade de pasar por ningún tipo de proba de nivel de idioma, tanto para ben coma para mal. 

E, para rematar, os auxiliares de conversa conforman un aspecto, ao meu parecer, moi positivo para o alumnado, xa que deste xeito teñen un contacto moi directo co idioma e, sobre todo, co acento (sexa de onde sexa) e pode ter unha situación moitísimo máis real e contextualizada para a aprendizaxe da lingua estranxeira. Ademais, aos rapaces adolescentes adóitalles gustar este tipo de figuras xa que conforman unha novidade na aula e aumenta a súa motivación, incluso gracias a que falan de temas que poden ser relevantes nas súas vidas. 

Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares